escritor@s da semana
Larry Collins
(EE.UU. 1929-Francia 2005)

Nunca se atrasaba. Tódalas tardes, cando chegaba co seu vello “Mauser”, cos xemelgos enfundados dentro do raído estuche e a súa gamela, os habitantes de May-en-Multien solían dicirse: “¡As seis! ¡Xa chega o alemán!” E, invariablemente, mentres cruzaba a praza do pobo, dende o campanario románico da pequena igrexa de Nosa Señora da Asunción, que databa do século XII e se atopaba encaramada na altura que remontaba o Ourcq, difundíanse as primeiras notas do Angelus da tarde. (tomado de "¿Arde París?")
O 20 de xuño, o sábado pasado, finou en Francia ós 75 anos de idade Larry Collins, víctima dunha hemorraxia cerebral. Velaquí a nosa pequena homenaxe, ó tempo que os animamos a que optedes por ler algunha das súas obras nestes intres.
Nacido en West-Hartford (Connecticut) en 1929, Collins licenciouse en Ciencias
pola Universidade de Yale e nos anos 50 trasladaríase a Francia para
facer o servicio militar en Shape, cuartel xeral das forzas aliadas en Europa.
Alí coñeceu a Dominique Lapierre, no 1954, e empezaría
a exercer o xornalismo. Dende entón Collins viviría entre Londres,
Estados Unidos e Francia, onde en 1976 estableceríase na localidade de
Ramatuelle.
Collins, que permaneceu dous anos no Estado Maior da Armada de Estados Unidos en Shape, en París, comezou a traballar coa axencia de noticias UPI na súa delegación parisiense no 1956. Logo sería trasladado ás delegacións de Roma, O cairo e Beirut, ata que foi nomeado xefe do servicio de Oriente Medio.
Entre 1961 e 1965 dirixiu a corresponsalía parisiense do semanario Newsweek e comezou a súa éxitosa colaboración con Dominique Lapierre, co cal escribiría o primeiro dos seus best-sellers ¿Arde París? (1964, existente na biblioteca), ó longo do ano de excedencia que ámbolos dous solicitaron, obra que versaba sobre os planes de Hitler para destruir París ó longo da II Guerra Mundial.
Seguiría a este outro libro lendario, Levarás o loito
por mín (1967), a gran reportaxe que conta polo miúdo
a historia, ascensión e triunfo do toureiro Manolo Benítez “El
Cordobés”. Seguirían Oh, Xerusalén
(1971, existente na biblioteca), sobre o conflicto
árabe-israelí, Esta noite, a liberdade
(1975, existente na biblioteca) ou O quinto xinete
(1980, existente na biblioteca). Xuntos, ou separados, anque sempre unidos,
ata o fin, por unha grande amizade, Lapierre e Collins escribiron moitos máis
libros nos que seguiron sempre a misma fórmula: un traballo de investigación
longo, duro e minucioso, unha reconstrucción detallada dun acontecemento
histórico e unha grande capacidade de fabulación en forma de reportaxe.
Os dous escritores intercambiábanse documentos e repartíanse as
súas áreas de investigación: Lapierre facía investigacións
sobre os servicios secretos franceses e Collins sobre a CIA. Cada un escribía
no seu propio idioma e os dous se traducían mutuamente.
Paralelamente á literatura, Collins mantivo unha actividade xornalística
intensa con colaboracións para o xornal France Soir ou o New York Times
Magazine. No 2004, Collins e Lapierre volverían a unirse despois de 24
anos para editar un novo libro ¿Arde Nova Iorque?,
no que recrean unha inquietante ameaza para EE.UU.