Jean Le Clézio
(Niza,1940)

Ao saír do cemiterio de Cassis, Jean e Mariam pasaron en autobús
pola nova zona industrial de Coromandel e inmediatamente despois, diante do
cruce de Ebène, Jean mirou o estreito camiño que se introduce
nas canas maduras, cara o barranco. Mariam estaba cansa polo sol e o vento do
mar. Apoiou a súa cabeza sobre o ombro de Jean, durmíndose tranquilamente
entre os buracos do camiño. Estaba anoitecendo.. (tomado de “Revolucións”)
Jean-Marie
Gustave Le Clézio, normalmente abreviado como J.M.G. Le Clézio,
é un escritor francés de orixe anglo-bretona, gañador do
Premio Nobel de Literatura no 2008 e doutros recoñecementos, como o Premio
Renaudot en 1963, o Premio Paul Morand en 1980 e elixido no 1994 polos lectores
da revista francesa Lire como o mellor escritor francés vivo.
Le Clézio provén dunha familia bretoña emigrada a Illa
Mauricio no século XVIII. Durante a Segunda Guerra Mundial a familia
separouse, e o seu pai non puido unirse á súa esposa e fillos
que vivían en Niza. Le Clézio trasladouse coa súa familia
cando tiña 8 anos a Nixeria, onde seu pai serviu coma cirurxano nas Forzas
Armadas Británicas. Estudou na Universidade de Bristol, de 1958 a 1959,
e terminou a súa licenciatura no Collége Universitaire littéraire
da Universidade de Niza. Despois de graduarse en letras, mudouse aos Estados
Unidos coma profesor. No 1967 foi enviado a Tailandia para realizar o servizo
militar, pero foi expulsado case de inmediato por protestar contra a prostitución
infantil e foi enviado a México para cumplilo. De 1970 a 1974 viviu cos
indios Embera-Wounaan de Panamá.
Despois da súa especialización en literatura francesa, fíxose
famoso aos 23 anos coa súa primeira novela, “O atestado”,
que foi seleccionada para o Premio Goncourt e obtivo o Premio Renaudot no 1963.
Nela definía a súa literatura existencialista, próxima
ás obras dos seus coetáneos Georges Perec e Michel Butor. Dende
entón publicou máis de cincuenta libros, entre contos, novelas,
ensaios e dúas traducións sobre o tema da mitoloxía hindú.
Dende 1990 alternou o seu lugar de residencia entre Alburquerque, Mauricio e
Niza.
Le Clézio comezou a escribir aos 7 anos e non deixou de escribir a pesar
das súas numerosas viaxes. A súa carreira literaria pode dividirse
en dous grandes períodos. No primeiro deles, de 1963 a 1975, Le Clézio
explorou temas como a loucura, a linguaxe, a escrita e dedicouse á experimentación
formal, ao igual que fixeron outros autores contemporáneos seus, como
Perec e Butor. A imaxe pública de Le Clézio era a dun innovador
e un rebelde. Á súa primeira novela seguiron outras dúas
nas que tamén realizao a descrición dos tempos de crise. Son a
colección de relatos A febre (1965) e O diluvio (1966), nas que pon de
manifesto os conflitos e o medo predominantes nas principais cidades do mundo
occidental.
O segundo período comezou a finais dos anos 70, nos que o estilo de Le
Clézio experimentou un cambio drástico. Abandonou a experimentación
e o estado de ánimo das súas novelas, convertiuse en menos atormentado,
abordando temas como a infancia, a adolescencia ou as viaxes, cos que logra
atraer a un número de lectores máis amplo e popular. A partir
desta etapa, as súas obras centráronse en temas relacionados coa
cultura amerindia, viaxes e mundos descoñecidos, polo que obtén
un gran éxito de vendas.
O 9 de outubro de 2008 é galardoado co Premio Nobel de Literatura, sendo
cualificado pola Academia Sueca como “O escritor da ruptura, da aventura
poética e da sensualidade extasiada, investigador dunha humanidade fora
e debaixo da civilización reinante”.
Na nosa biblioteca temos as súas obras O buscador de ouro
(1985) e Mondo e outras historias (1978)