escritor@s da semana
Charles Bukowski
(Aldernach, Alemaña 1920 - Los Ángeles, EE.UU 1994)

Hoxe coñecín a un xenio no tren, como de seis anos de idade;
sentouse ó meu lado e, mentres o tren corría pola costa chegamos ó océano. O
neno miroume e díxome: o mar non é nada fermoso. Foi a primeira vez que me din
conta diso ("Coñecín a un xenio")
Poeta e narrador estadounidense, creador
dunha literatura provocadora e sórdida, cargada de grande emoción
e sentimentos. Naceu en Alemaña, pero ós dous anos trasladouse
coa súa familia a Los Ángeles, onde viviu toda a súa vida.
Ó longo de moitos anos, e tras un breve paso pola universidade, gañouse
a vida con traballos manuais temporais, espaciados por períodos de vacacións
que se tomaba cando tiña sorte nas apostas do hipódromo, afección
que reflectiu continuamente na súa obra. Comezou a escribir contos moi
novo, pero, tras un primeiro relato publicado por unha revista en 1944, abandonou
a literatura por un espacio de 10 anos, nos que sentou os cimentos da súa
lenda alcohólica. As súas primeiras obras publicáronse
na década de 1960 en editoriais e revistas underground; a esta época
pertencen coleccións coma Crucifixo nunha man morta (1965)
ou a que para moitos é a súa mellor obra en verso, Os días
pasan coma cabalos salvaxes sobre as lombas (1969). A poesía
de Bukowski está marcada por un realismo descarnado e lírico a
un tempo, explícito, terno en ocasións e brutal noutras, abundante
en datos autobiográficos, personalismo e pleno de humor ácido
e desencantado. Nunca abandonou a súa producción en verso que,
cos anos, foise facendo máis directa e sobria como en O amor é
un can do inferno (1974) ou A última noite na terra
(1992).
A súa primeira novela, O carteiro (1970), permitiulle abandonar
a oficina de correos na que traballaba. A esta seguirían outras cinco,
todas protagonizadas por Henry Hank Chinaski, alter ego do autor, entre as que
cabe destacar A senda do perdedor (1982, existente na biblioteca).
Os contos de Bukowski están reunidos en varios volumes. O máis
coñecido, Ereccións, exaculacións, exhibicións
(1972), recolle relatos aparecidos en varias revistas underground. A prosa de
Bukowski é, se cabe, máis autobiográfica (nun 90 % segundo
el mesmo) que a súa poesía, e é a que lle deu sona entre
os lectores de fala hispana: tódalas súas obras en prosa están
traducidas ó español. O alcohol, o sexo, a soidade e os aspectos
máis absurdos e sórdidos da nosa civilización ocupan un
lugar de honor na obra de Bukowski, que sempre evitou os ambientes literarios;
prefería os bares e as habitacións lúgubres.