Jorge Luis Borges
(Arxentina, 1899-1986)

Na parte inferior do chanzo, cara a dereita, vin unha pequena esfera tornasolada,
de case intolerábel fulgor. Ao principio penseina xiratoria; logo comprendín
que ese movemento era unha ilusión producida polos vertixinosos espectáculos
que agochaba. O diámetro do Aleph sería de dous ou tres centímetros,
pero o espazo cósmico estaba aí, sen diminución de tamaño.
Cada cousa (a lúa do espello, digamos) era infinitas cousas, porque eu
claramente a veía desde todos os puntos do universo. (tomado de
“O Aleph”)
Escritor
arxentino cuxos desafiantes poemas e contos vangardistas consagrárono
como unha das figuras máis prominentes das literaturas latinoamericana
e universal. Nacido o 24 de agosto de 1899 en Bos Aires, e fillo dun profesor,
estudou en Xenebra e viviu ao longo dunha breve tempada en España relacionándose
cos escritores ultraístas. No 1921 regresou a Arxentina, onde participou
na fundación de varias publicacións literarias e filosóficas
como Prisma (1921-1922), Proa (1922-26) e Martín
Fierro, na que publica esporadicamente; escribiu poesía lírica
centrada en temas históricos do seu país, que quedou recompilada
en volumes como Fervor de Bos Aires (1923), Lúa de enfronte
(1925) e Caderno de San Martín (1929). Desta época
datan as súas primeiras relacións con Ricardo Güiraldes,
Macedonio Fernández, Alfonso Reyes e Oliverio Girondo. Na década
de 1930, debido a unha enfermidade hereditaria, comezou a perder a visión
ata quedar completamente cego. A pesar delo, traballou na Biblioteca Nacional
(1938-1947) e, máis tarde, chegou a converterse no seu director (1955-1973).
Coñece a Adolfo Bioy Casares e publica con el a Antoloxía
da literatura fantástica (1940). A partir de 1955 foi profesor
de literatura inglesa na Universidade de Bos Aires. Ao longo deses anos, foi
abandonando a poesía a favor dos relatos breves polos que pasou á
historia. Aínda que é máis coñecido polos seus contos,
iniciouse na escritura con ensaios filosóficos e literarios, algúns
dos cales atópanse reunidos en antoloxías. A historia universal
da infamia (1935) é unha colección de contos baseados
en crimes reais. No 1955 foi nomeado académico do seu pais e no 1960
a súa obra era valorada universalmente como unha das máis orixinais
de América Latina. A partir de entón sucédense os premios
e as consideracións. Morreu en Xenebra no 1986.
As posturas políticas de Borges evolucionaron dende o esquerdismo xuvenil
ao nacionalismo e despois a un liberalismo escéptico dende o que se opuxo
ao fascismo e ao peronismo. Foi censurado por permanecer en Arxentina durante
as ditaduras militares da década de 1970, aínda que xamais apoiou
á Xunta Militar. Coa restauración democrática de 1983 volveuse
máis escéptico. Ao longo de toda a súa produción,
Borges creou un mundo fantástico, metafísico e totalmente subxectivo.
A súa obra, esixente co lector e de non doada comprensión, debido
á simboloxía persoal do autor, espertou a admiración de
numerosos escritores e críticos literarios de todo o mundo. Describindo
a súa produción literaria, o propio autor escribiu “Non
son un pensador nin un moralista, senón sinxelamente un home de letras
que reflicte nos seus escritos a súa propia confusión e o respectado
sistema de confusións que chamamos filosofía, en forma de literatura”.
A nosa biblioteca ten as súas obras Discusión,
Historia universal da infamia, Ficcións,
O Aleph, A rosa profunda, Historia da
noite, Nove ensaios dantescos, Os conxurados
e varias antoloxías e estudos críticos.