Logo Biblioteca

actividades — semana do Libro e a Lectura: O mar...

Biblioteca do Porriño: Do 19 ao 25 de outubro de 2008

Semana do libro 08Ímonos mergullar nun mar que ole a todos os salitres do mundo.
Nas mareas viaxan letras escritas en idiomas inventados e traen historias de lugares submarinos,
criaturas con branquias e cousas nunca vistas.
O mar é a patria dos recordos, a paisaxe da infancia,
a banda sonora dunha emoción?
o refuxio da poesía, da ilustración, da arte, do teatro e agora tamén o teu.

 

 

INAUGURACIÓN: Domingo 19 de outubro ás 12:30

MIGALLAS. Canta connosco!
Unha mestura de cancións con accións dramáticas. Os temas que se tratarán son o coidado das mascotas; o consumismo na compra de xoguetes; a lectura como pracer fronte á TV e os videoxogos; a importancia da imaxinación; o xogo do teatro; cancións que axudan a estudar etc.

CLAUSURA: Sábado 25 de outubro ás 12:30 h

TÍTERES CASCANUECES. A RÚA DAS PANTASMAS
A casa de María está sendo visitada polas pantasmas e ata o mismísimo Demo. Só co enxeño de María e as picardías de Xoanciño lograrán vencelas e desenmascaralas.

 

 

ACTIVIDADES ABERTAS AO PÚBLICO. A CONTAR!

De luns a venres ás 18.30 h.

Luns 20 de outubro: Pavís Pavós
Mesturaremos contos que terán como protagonistas aos piratas, sereas, monstros mariños... con outros collidos da tradición popular e de contos de nova creación, sen faltar o punto de humor adecuado para xuntos gozar dun mar de contos.

Martes 21 de outubro: Trinke Trinke
Un mar de contos invadirá as tardes. Só tes que chegar, sentar, escoitar e deixarte levar polo mundo de maxia que che propón este contacontos.

Mércores 22 de outubro: Anxo Moure
Anxo Moure o “Atrapador de contos”, contador de historias coidadosas coa natureza, de contos para un mundo mellor. Con el reciclaremos contos vellos que valen para tempos novos.

Xoves 23 de outubro: Manolo Vázquez de Berrobambán Teatro
As palabras máxicas para comezar a contar poden ser moi diversas; había unha vez, era que se era... Petaremos na porta da nosa cabeciña para liberar a imaxinación e sulcar os mares de historias que Manolo nos ten preparadas

Venres 24 de outubro: Servando Barreiro
Este contador e animador demostraranos como os contos, ademais de contalos, se pode cantalos. Só fai falta imaxinación e ganas de pasalo ben. Animádevos a descubrir outro xeito de oír contos.

 


EXPOSICIÓNS PERMANENTES

Abertas de luns a venres de 17,00 a 20,00 h. para o público en xeral (de 10,00 a 14,00 para os centros de ensino)

Exposición de libros cedidos polas editoriais
Entre os mares e mareas de libros sempre está esperando, baixo algunha onda, o libro da nosa vida, aquel que nos arrastra, que nos fai percorrer mundos descoñecidos, que nos cautiva: o noso libro. Ven navegar con nós nesta semana dos libros, tócaos, míraos, xoga con eles e descubrirás... un mar de sensacións.

Exposición de ilustradoras e ilustradores
- O rato solteiro. OQO
- Vai de mar. Galix
- O camiño de Anxo. Anxo Fariña
- 12 ilustracións para 12 libros. Gabriela Rubio
- Galiza en Negro e Azul. AS-PG
- Xabier P. Docampo, tecedor de contos.
Para complementar as historias sen dúbida o aliado ideal é unha boa imaxe. Ven visitar estas exposicións e descubrirás canto dá de si esta mestura ideal

Exposición de materiais elaborados por alumnos e alumnas.
Os materiais das exposicións son o froito dos soños de nenos e nenas. Traballaron arreo para ofrecernos e deleitarnos con cores, formas, tamaños, texturas nas que se recolle un esforzo por contar, eles, a súa pequena historia. A través das súas historias achégannos ao mundo, á súa maneira de ver o noso mundo, por un día. Non deixedes de escoitar todo o que nos teñen que comunicar.

 

OBRADOIROS PARA NENOS E NENAS
Actividades concertadas cos centros de ensino

LUNS 20, 1º DE ESO

Obradoiro de Pintura Pop
EDUARDO HERMIDA

A arte Pop é un movemento irónico da pintura que xorde en Norteamérica e Inglaterra nos anos 60. Os seus temas pictóricos están motivados pola vida cotiá, a Coca Cola, a pasta de dentes, a sopa de bote ou os xeados convérsense en iconografías do Pop-Art.

Obradoiro de educación ambiental
TERRANOVA

Os obxectivos fundamentais desta actividade son por un lado que os alumnos comprendan o medio natural desde un punto diferente do que para eles é habitual e, por outro, preténdese tanto sensibilizar os participantes na importancia de manter o equilibrio natural como base da conservación da natureza, como recoñecer os principais factores que alteran este equilibrio.

MARTES 21, 1º DE PRIMARIA

Obradoiro de plástica.
OQO

O mar é un elemento presente nos poemas que o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2008, Xosé María Álvarez Blázquez, adicou á súa filla Colorín no poemario O QUE BEN CHE QUER. Neste obradoiro, nenos e nenas achegaranse á poesía a través da plástica, nunha actividade que busca a implicación activa dos máis pequenos no proceso creativo dun poema.

Obradoiro de monicreques.
GALITOON

Nesta aula fomentarase un clima de comunicación e socialización entre os nenos/as que lles permita expresar emocións, sentimentos, ideas, pensamentos a través dun títere. Temos como obxectivo conseguir que o alumnado funcione con eficacia nunha situación comunicativa. Unha maneira de traballar este obxectivo está na dramatización a través dos títeres.

MÉRCORES 22, 3º DE PRIMARIA

Obradoiro de danza.
MERCEDES PRIETO

Embarcamos rumbo á ritmos galegos... ou non? As mareas de Galicia lévannos ao son de diferentes danzas; temos a tarefa de identificar as propias e bailar as doutras culturas. Neste obradoiro aprenderemos as diferenzas ou semellanzas entre a cultura e o baile tradicional galego e outras culturas e danzas do mundo.

Obradoiro de contacontos.
ANXO MOURE

Porque os contos son relatos que collen vida a través dos narradores e porque nos fan soñar e non custan nada, por iso lle damos vida aos contos.


XOVES 23, 5º DE PRIMARIA

Obradoiro de escrita creativa
LUCÍA RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ

O mar é o espazo onde suceden as cousas, un espazo cheo de seres propios da nosa mitoloxía e persoas tan reais e auténticas como os nosos mariñeiros. Nel fusionarase a nosa historia, a realidade e a ficción, construíndo un mundo propio, un mundo diferente e único para cada rapaz e rapaza.

Obradoiro de animación á lectura
ANTÓN CORTIZAS

Este obradoiro ten como obxectivo darlle a oportunidade ao alumnado de manter un contacto directo co “mundo” da creación literaria, e da experiencia do oficio de escribir, pero tamén experimentar diversas actividades que provoquen a creación.
Ademais pertendemos que o alumnado vexa o pracer de xogar coas palabras, como forma agradábel de entrarlle ao mundo da fantasía.


VENRES 24, EDUCACIÓN INFANTIL

Obradoiro de monicreques
Títeres Cascanueces

A través do títere podemos comezar a desenvolver a nosa creatividade, o que levamos oculto dentro e non coñecemos… Crearemos o ambiente preciso para que os cativos experimenten, de xeito sinxelo, as distintas formas de darlle vida e expresividade aos monicreques.

Obradoiro de CONTOS e cantigas
SERVANDO BARREIRO

Este obradoiro consistirá primeiramente en fornecer ao neno ou nena unha variada selección de contos e cantigas, algúns tradicionais e outros de autor, axeitados á súa idade para que mediante a participación nos mesmos e dando outros modelos, se animen a contalos e cantalas de forma diferente, ou incluso a elaborar outros orixinais, estimulando así a súa imaxinación e creatividade.

 

ACTIVIDADES PARA O PROFESORADO

DE LUNS A VENRES DE 18:00 A 20:00 H.
“Solicitada a homologación á Consellaría de Educación por 10 horas lectivas”

LUNS 20 de OUTUBRO

Obradoiro de educacion ambiental.
Terranova
A educación ambiental é tanto un tema transversal como unha ferramenta para integrar diferentes contidos do currículum escolar. Pero ademais, a educación ambiental ofrécenos un punto de vista diferente: activo, participativo, crítico... Neste obradoiro abordaremos a educación ambiental en torno ao medio mariño desde a motivación por medio de actividades variadas e, sobre todo, coa disposición de compartir experiencias.

MARTES 21 de OUTUBRO.

Obradoiro de ilustración
OQO

Novas formas de mirar: arte e álbum ilustrado. Neste obradoiro faremos un achegamento á historia e evolución da ilustración para nenos e nenas. Realizaremos unha análise das distintas técnicas e estilos de ilustración (colaxe, acrílico, fotomontaxe, escultura...), así como da narración e das metáforas visuais das imaxes presentes nos libros a partir de ilustracións de distintos libros de OQO. Achegarémonos tamén ao decálogo das funcións da imaxe no álbum ilustrado e veremos como o álbum pode a primeira visión da arte. Cada libro converterase nun pequeno museo.

MÉRCORES 22 de OUTUBRO

Obradoiro de danza.
Mercedes Prieto

Vai ser unha función de varios contos, uns tradicionais e outros de autor, algún poema e varios cantos acompañados de “instrumentos peculiares”, todo isto dentro dunha única historia. Haberá un apéndice de Romances de Cego, que é outro xeito de contar historias. E propoñémosvos dar uns pasiños de baile...

XOVES 23 de OUTUBRO.

Obradoiro de escrita creativa.
Lucía Rodríguez

A literatura pode servirnos para que gocemos do noso tempo de ocio lendo historias marabillosas. Mais tamén pode servirnos de modelo para que nos atrevamos a crear as nosas propias historias. Para iso tan só temos que utilizar unha ferramenta, a nosa lingua e as súas palabras


VENRES 24 de OUTUBRO.

Obradoiro de expresión teatral.
Títeres Cascanueces

Con este obradoiro podemos contribuír a desenvolver a expresividade, as emocións e as habilidades básicas de comunicación entre o alumnado. Aprenderemos as regras básicas para a animación do titere; trataranse temas como a verticalidade, altura, accións físicas, a ollada...



“PARA INSCRIBIRSE NO CURSO DO PROFESORADO E NOS OBRADOIROS DO ALUMNADO”
AS-PG: informacion@as-pg.com
981 278259
A matrícula no curso do profesorado será por rigorosa orde de inscrición até encher prazas.

VolverValid XHTML 1.0 Transitional