Logo Biblioteca

actividades — Exposición: retos para unha época: os ilustradores galegos 1830-1936

Cartel expoEsta exposición recolle o interesante labor desenvolvido desde finais do século XIX ata o comezo da Guerra Civil española, polos ilustradores galegos mediante a súa actividade no deseño de cubertas e páxinas interiores de libros, prensa, carteis, revistas, etc.
Os obxectivos da mesma pódense resumir en tres:

A) Presentar ao público a evolución da arte gráfica galega mediante soportes vulnerables e populares. O espectador poderá visualizar a tarefa de artistas recoñecidos, cunha obra realizada ao óleo sobre lenzo, como poden ser Luís Seoane, Carlos Maside, Manuel Colmeiro ou Carlos Sobrino, por citar algúns, pero que con maior probabilidade son descoñecidos na súa tarefa como ilustradores de libros e que esta exposición pretende completar. Outros ilustradores non gozan de fama como pintores con todo mostran unha obra gráfica aplicada ao libro de incuestionable beleza.

B) Ofrécese en segundo lugar, a variedade de aplicación da ilustración a través de carteis que anuncian festas, a importancia dos anos Xacobeos, ou o clima recomendable da cidade da Coruña. Tamén se fai referencia á aplicación da ilustración nas Revistas artísticas como Nós, Alborada, Alfar, Ronsel ou Cristal. A preocupación dos ilustradores polo deseño das cubertas dos seus Catálogos, onde o porriñés Antonio Palacios, Federico Ribas ou Llorens, procuran unhas cubertas atractivas como reclamo das exposicións de arte galega que se celebran tanto en Galicia como en Madrid, Bos Aires ou Montevideo. Esta exposición recolle ademais a inquietude artística a través de Editoriais como Céltiga, Lar ou Nós, as cales demostraron o seu compromiso coa cultura e o idioma de Galicia, pois editaron libros en galego nunha época na que a venda de libros era moi escasa e reducíase aínda máis se trataba de libros en galego. Estas editoriais trataron de realizar libros con cubertas e páxinas interiores realizadas por ilustradores de extraordinaria calidade como Castelao, Belo Piñeiro, Abelenda, Camilo Díaz Baliño ou Fernández Mazas.
Inclúese tamén nesta exposición un panel que fai referencia ao Ex Libris, como demostración do gusto polo detalle, pola identificación da propiedade e polas boas relacións que nesta época mantiñan ilustradores e escritores, tratando de xuntar os seus esforzos na defensa de Galicia como identidade cultural. Faise referencia ás Ilustradoras, Maria Cabo, Dores Díaz Baliño e Matilde Legísima, que aínda que en número inferior aos ilustradores, son mulleres que aportan a súa arte á ilustración do libro e demostran un inicio de participación no campo da arte gráfica. Tamén se presenta una un panel co labor realizado por ilustradores galegos recoñecidos a nivel nacional e que traballan en Madrid. Estes son Manuel Bujados, Federico Ribas e Máximo Ramos, que compartiron o traballo en editoriais como Renacimiento, Pueyo, Marineda, Mundo latino, etc, con artistas da talla de Bartolozzi, Ochoa ou Rafael de Penagos.

C) En terceiro lugar efectúase un percorrido polas tendencias artísticas fundamentais da arte galega a través das cubertas de libros partindo de 1880 ata 1936 e que se corresponde co Rexionalismo, Modernismo, Nacionalismo e Renovación ou vangarda, dentro dos que se inclúe o labor dos ilustradores máis relevantes.
Para rematar preséntanse 12 paneis que recollen o labor en concreto de doce Ilustradores como mostra desta arte que como se explica queda plasmado sobre soportes vulnerables e que só grazas ao coidado e sensibilidade dalgúns bibliófilos hoxe podemos admirar.

Todos os paneis constan dunha breve explicación tratando de adaptar a linguaxe ao público en xeral, sen esaxerar os contidos pois se preferiu potenciar o aspecto gráfico.

A exposición componse de 30 paneis de dimensións 90 X 63 cm. realizados en DM, material que permite unha boa impresión, facilidade no transporte polo seu lixeireza, consistencia e comodidade para a súa colocación sobre calquera tipo de parede.
No reverso cada panel leva un número que indica o lugar que preferiblemente debe ocupar na orde da montaxe, buscando unha uniformidade de contidos e unha harmonía na disposición.

O traballo para realizar esta exposición, correu a cargo de tres profesores de I.E.S. Piñeiro Manso: Mercédes Bangueses, José Ramón Iglesias e Juan Aguilar en colaboración e patrocinio co Concello do Porriño mediante a Biblioteca Municipal do Porriño, quen levará a coordinación da itinerancia da exposición. (Documentación, investigación e textos: Mercedes Bangueses, Doutora en Historia de Arte. Colaboran Juan Aguilar e José Ramón Iglesias).

retos1retos2

retos3retos4

retos5

VolverValid XHTML 1.0 Transitional